26/11/2021 [00:10:00] [6.87 MB]
No boletin informativo de hoxe repasamos a actualidade máis recente relativa ao medio ambiente e ao ecoloxismo galego. Anúncianse novas mobilizacións masivas a prol da paralización de todos os proxectos eólicos en tramitación, da expropiación "encuberta" dos montes veciñais, dunha nova mortaldade de gaivotas por botulismo e da chantaxe que a Xunta lle fai aos concellos do Barbanza para que abandonen o sistema de xestión de residuos de Lousame, entre outras novidades da semana.
19/11/2021 [00:10:00] [6.87 MB]
Rede Eléctrica Española confirma que Galiza exportou no primeiro semestre de 2021 o 35% da electricidade producida no país, mentres están en tramitación uns 270 parques eólicos máis para o noso territorio. A Xunta, impasible a este dato, si se pronuncia arredor da eólica mariña, cando menos sobre os proxectos de Iberdrola que se están a tramitar no Ministerio. A outra reclama da semana vén da conta da Organización Galega de Montes Veciñais en Man Común fronte o propósito do goberno galego de desposuír ás comuneiras e comuneiros do seu dereito de propiedade sobre os montes.
12/11/2021 [00:10:00] [6.88 MB]
As novas desta semana poñen en evidencia o conflito entre a necesidade de abordar de forma urxente a emerxencia climática e a necesidade de facelo sen sacrificar deliberadamente a conservación da biodiversidade e actividades compatibles cunha contorna sustentábel. Desde o Cumio de Glasgow ata o rexeitamento social aos macroparques eólicos ou o seu impacto sobre unha especie agora protexida: o lobo. Escóitanos!
05/11/2021 [00:10:00] [5.71 MB]
Neste informativo semanal sobre o medio ambiente galego abórdanse feitos relacionados co sector forestal, a xestión do lobo e a vaga eólica, que segue provocando o nacemento de plataformas sociais en defensa do territorio. Coñece os detalles en Radio Cerna!
29/10/2021 [00:10:00] [5.74 MB]
O colectivo ecoloxista ADEGA constata con datos sobre plantacións ilegais o efecto chamada da moratoria do eucalipto, a través da súa campaña de denuncia forestal. Nesta semana a Xunta abandonou o grupo de traballo do Ministerio sobre o lobo para deseñar a súa propia estratexia sobre a xestión desta especie protexida xunto con Castela e León, Cantabria e Asturias. Estas e outras novas sobre o medio ambiente galego contámoschas en Radio Cerna... Escóitanos!
22/10/2021 [00:10:00] [5.74 MB]
Desta volta a actualidade informativa de Galiza recolle a nova sentenza contra Ence da Audiencia Nacional, a moratoria da Xunta a novas solicitudes de parques eólicos ou a denuncia de ADEGA dunha nova central hidroeléctrica de bombeo no ZEC Macizo Central, espazo protagonista deste informativo.