Radio CERNA

Radio CERNA

Buscador

Formulario de busca

26/02/2026   [10:00:00]   [12.34 MB]

Boletín informativo ambiental 27/02/26

Ante o anuncio de arquivo do proxecto industrial de Altri por parte da Xunta, a coordinadora "Altri Non" celebra a vitoria do pobo galego e advirte que aínda queda o golpe de graza. Chama á sociedade galega a non baixar a garda ante a posibilidade dun “arquivo en falso” que permita no futuro reactivar o proxecto. A organización ecoloxista ADEGA vén de presentar alegacións ao Proxecto de Interese Autonómico para a construción de vivenda no barrio do Sagrado Corazón, en Lugo. O primeiro estudo científico sobre o temporal de comezo de ano confirma que o cambio climático aumentou a intensidade das chuvias torrenciais en Galiza. Todo isto e máis, en Radio Cerna! 

19/02/2026   [10:00:00]   [12.17 MB]

Boletín informativo ambiental 20/02/26

Galiza está a perder entre 2,8 e 5 millóns de toneladas de solo ao ano pola falta de actuación das administracións tras os incendios forestais. Ratificada a extinción definitiva de Impulsa Galicia, a empresa coa que a Xunta promoveu o proxecto de Altri. A Xunta frea a proposta do Ministerio para a Transición Ecolóxica de declarar a anguía en perigo de extinción e prohibir a súa pesca, malia admitir o seu declive. Fito histórico na defensa ambiental en Galiza: o Tribunal Supremo ratifica de forma definitiva a condena á Xunta e á Confederación Hidrográfica Miño-Sil por inacción ante a contaminación do encoro das Conchas. Todo isto e máis, en Radio Cerna!

12/02/2026   [10:00:00]   [12.16 MB]

Boletín informativo ambiental 13/02/26

A poboación galega respira unha proporción maior de substancias contaminantes ca o resto do Estado. ADEGA denuncia o abandono institucional da Torre de Torés, no Concello das Nogais, declarada Ben de Interese Cultural. Un proxecto eólico na Terra Chá pon en risco a única poboación reprodutora de mazarico real na Península Ibérica. A Serra do Xistral pasa a fomar parte dunha exclusiva rede internacional de paisaxes emblemáticas e convértese así nun laboratorio vivo para buscar solucións fronte ao cambio climático. Todo isto e máis, en Radio Cerna!

05/02/2026   [10:00:00]   [12.15 MB]

Boletín informativo ambiental 06/02/26

O futuro do mar galego volve ao debate coa apertura do proceso para poxar a eólica mariña fronte ás súas costas. Entidades ecoloxistas solicitan á Xunta de Galiza que se declare o salmón atlántico como “en perigo de extinción”. A rotura doutra balsa mineira no Monte Neme pon de novo o foco sobre as hipotecas ambientais da minaría “sustentábel” que promove a Xunta. Novo intento para instalar eólicos na Serra da Groba, a última gran serra litoral galega libre de muíños. Todo isto e máis, en Radio Cerna!

29/01/2026   [10:00:00]   [12.69 MB]

Boletín informativo ambiental 30/01/26

A Xunta de Galiza pide ao Tribunal Superior de Xustiza que levante a suspensión cautelar da caza do lobo, un movemento que ADEGA interpreta como cortina de fume para tapar as súas políticas regresivas no rural. Doutra banda, o proxecto de central de bombeo de Meirama poñería en risco a auga potábel da Coruña. E outro proxecto, neste caso mineiro, prevé a explotación de caolín durante un período de 30 anos no concello coruñés de Laxe, con dúas minas a ceo aberto. O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza acordou a paralización cautelar do parque eólico Patiñeiro, promovido por Naturgy Renovables no concello de Vimianzo, ao apreciar risco de danos ambientais irreparables. Todo isto e máis, en Radio Cerna! 

22/01/2026   [10:00:00]   [12.45 MB]

Boletín informativo ambiental 22/01/26

A Fiscalía investiga unha canteira en Lugo por ocupar ata dez veces máis terreo do autorizado. ADEGA denuncia a fragmentación ilegal dun macroproxecto de biometano en Curtis e alerta de que é ambiental e economicamente inviable. En materia de residuos, a asociación considera un paso atrás a incorporación da Mancomunidade Serra do Barbanza a SOGAMA. O Parlamento Europeo decide paralizar o acordo de libre comercio entre a Unión Europea e Mercosur. Todo isto e máis, en Radio Cerna.

Radio CERNA
Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: radiocerna@adega.gal
Administración:Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal