Radio CERNA

Radio CERNA

Buscador

Formulario de busca

15/10/2018   [00:10:00]   [6.91 MB]

ADEGA e Mariña Patrimonio denuncian a Patrimonio da Xunta por posible prevaricación

Ambas entidades entenden que existen suficientes indicios de delito penal para que a Fiscalía denuncie a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta nos xulgados. Presentaron ante o Ministerio Fiscal varias denuncias que poñen en cuestión a actuación do funcionariado público deste departamento e destacan o caso de destrución do Castro de Trinidade-Flores de Mondoñedo. Neste espazo recóllese parte das declaracións vertidas en rolda de prensa por representantes de ADEGA e Mariña Patrimonio.

10/10/2018   [00:10:00]   [6.88 MB]

Piden a demolición do encoro de Ponte Inferno no río Verdugo

A Rente de Chan- Pladever, xunto con ADEGA e AEMS Ríos con Vida, veñen de pedir a extinción da concesión de auga para o aproveitamento hidroeléctrico Ponte Inferno do río Verdugo e a posterior demolición da presa. A central leva 115 anos explotando sen interrupción o río Verdugo, malia as deficiencias legais e tecnolóxicas que padece e que, segundo Pladever, nunca foron solventadas. De derrubarse, esta sería a primeira presa hidroeléctrica eliminada do río Verdugo, un efluente que agora tamén se ve ameazado pola proposta do seu transvasamento cara o Encoro de Eiras.

08/10/2018   [00:10:00]   [6.87 MB]

NON ao novo Plan Forestal (e forestalista) de Galiza

Máis de 70 entidades, colectivos e organizacións de carácter ecoloxista, sindical, sectorial, empresarial, etc., piden a anulación da primeira revisión do Plan Forestal de Galiza de 1992, pola forma e polos contidos. Por falta de consenso social, de rigor e de datos actualizados sobre a superficie forestal galega; pero sobre todo polos contidos, que segundo estas entidades, están feitos á medida das necesidades e ambicións da industria forestalista e enerxética.

05/10/2018   [00:10:00]   [6.87 MB]

Boletín informativo ambiental 05/10/18

Neste espazo de radio coñecerás as novidades ambientais máis destacadas dos últimos días en Galiza. 

03/10/2018   [00:10:00]   [6.88 MB]

Bosques con Vida: rexeneración ambiental dos montes de Rebordelo

ADEGA e a Comunidade Veciñal de Montes  en Man Común de Rebordelo (Cerdedo-Cotobade) encetan esta fin de semana o proxecto de rexeneración ambiental "Bosques con Vida". O seu obxectivo é recuperar a área natural afectada polos lumes forestais do pasado ano coa axuda de voluntariado. Entre as actividades, proponse a plantación de especies autóctonas, a recuperación de charcas de valor ecolóxico e roteiros interpretativos. A colaboración entre ambas entidades traballa por un monte biodiverso e multifuncional a través deste proxecto que pretende ter un percorrido máis amplo.

01/10/2018   [00:10:00]   [6.90 MB]

Agrocompostaxe: vantaxes para o sector agrícola e para os municipios

As vantaxes da compostaxe xa están a ser recoñecidas polos municipios galegos e, algúns, como o de Allariz xa se está a interesar por novas vías de aplicación da compostaxe no rural: a agrocompostaxe. A pasada semana Allariz acolleu unha charla de Eduardo Cordero, impulsor dun proxecto de agrocompostaxe na localidade euskera de Larrabetzu. Hoxe fala para Radio Cerna.

Radio CERNA
Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: radiocerna@adega.gal
Administración:Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal